Monday 16 de September de 2024

O Concello de San Sadurniño e a Casa do Mel organizan un curso de iniciación á apicultura


A área de Desenvolvemento local de San Sadurniño e a Asociación Casa do Mel -quen xestiona o colmear didáctico da Cortiña- ofrecen unha nova oportunidade de iniciarse no mundo apícola ou ampliar coñecementos sobre esta actividade. Será a través dun curso que se impartirá os días 18, 19, 25 e 26 de maio, cun temario teórico e práctico que abordará desde o coidado e mantemento das colonias de abella até a colleita do mel e doutros produtos da colmea. Para participar neste curso farán falla un mínimo de 10 inscricións e como tope fixouse a cifra de 25 participantes. Para anotarse hai que mandarlle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamar ao 616 332 919 en horario de mañá de luns a venres.

O curso está orientado a persoas que queiran empezar a pastorear abellas ou ás que xa teñan certa experiencia e queiran seguir aprendendo. Neste sentido, os contidos irán desde unha introdución xenérica sobre a bioloxía dos enxames, a figura da persoa apicultora e o funcionamento das colmeas, ata cuestións máis técnicas que se irán abordando paso a paso, combinando a teoría e a práctica no espazo didáctico da Cortiña.

Algúns dos temas tratados serán a instalación do apiario, a flora máis axeitada para a produción de mel -as diferenzas de cor e sabor segundo o tipo de alimentación- e as prácticas de reprodución dos enxames. Tamén se facilitará información sobre a saúde das abellas e, principalmente, sobre como protexelas da avespa asiática e de fungos e parasitos que poden decimar a súa poboación.

O curso é totalmente gratuíto para a veciñanza empadroada en San Sadurniño e para as persoas asociadas á Casa do Mel, mentres que o resto de participantes deberán pagar o primeiro día unha matrícula de 45€.

As sesións están programadas para as dúas últimas fins de semana de maio en horario de 9:00 a 14:00h. As tres primeiras clases -os días 18, 19 e 25 de maio– desenvolveranse repartindo a teoría e a práctica entre a a Casa da Xuventude e o colmear da Cortiña. O último día, o domingo 26, a formación trasladarase ás instalacións da Casa do Mel, en Goente, onde se poderán ver os produtos principais e subprodutos que se extraen da colmea, como por exemplo o mel, o pole, a própole, a xelea ou a cera. O persoal deste centro dedicado integramente á difusión da cultura apícola explicará, ademais, os procesos de colleita, de envasado e de comercialización de cada produto.

Ofértanse un máximo de 25 prazas, que serán gratuítas para veciñanza empadroada en San Sadurniño e persoas socias da Casa do Mel (o resto de participantes, 45€). Para que a actividade vaia adiante farán falla un mínimo de 10 inscricións. Hai que anotarse no 616 332 919 chamando en horario de mañá ou enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal indicando no corpo do asunto “Inscrición curso de apicultura” e achegando os datos persoais e de contacto.

O curso de iniciación á apicultura encádrase no acordo que subscriben todos os anos o Concello e a Casa do Mel, coa finalidade de mellorar a capacitación de todas aquelas persoas interesadas no mundo das abellas e continuar promovendo a cultura apícola, que ademais de ser fundamental para o ambiente tamén ofrece interesantes oportunidades económicas e de emprego.